O Olimpismo
Dende que no ano 1896 a cidade de Atenas acollera as primeiras Olimpíadas modernas, continúan vixentes unha serie de valores reforzados polo Barón de Coubertin. O aristócrata francés baseouse nos Xogos da idade antiga e nos seus coñecementos sociolóxicos para potenciar a concepción do deporte como elemento de superación e unión entre os pobos.
O importante non é gañar
Pierre de Fredy dedicoulle toda a súa vida ao desenvolvemento dos Xogos Olímpicos. Malia que nunca gustou da participación de mulleres nas probas deportivas, era un fiel seguidor dos ideais olímpicos. Así, forxou un movemento no que os atletas e países do mundo se unen de xeito pacífico.
A meta deste ideal é, dende a súa orixe, contribuír á construción da paz e conquerir un mundo mellor a través da educación dos mozos e das mozas no deporte. Estes valores olímpicos non contemplan a discriminación de ningún tipo. Pola contra, fomentan un sentimento mutuo de amizade, solidariedade, xustiza e xogo limpo. Neste senso, o barón de Coubertin acuñou para a historia a famosa frase "o importante non é gañar, senón competir".
O Xuramento Olímpico
Foi o propio Coubertin quen escribiu e instaurou o xuramento que precede a cada unha das edicións dos Xogos. Este texto, inspirado nos valores fundamentais do Olimpismo, é pronunciado por un atleta da nación na que se celebran as Olimpíadas, sostendo unha esquina da bandeira olímpica. Ademais, malia que con lixeiras variacións, tamén o le un xuiz.
A promesa de Coubertin sostén o seguinte: "En nome de todos os competidores, eu prometo que tomarei parte nestes Xogos Olímpicos, respectando e cumprindo coas regras que os gobernan, en verdadeiro espírito de deportividade, para a gloria do deporte e a honra dos nosos equipos". O primeiro encargado de pronunciar o Xuramento Olímpico foi o esgrimista belga Victor Boin, nos Xogos de Antuerpe 1920.
|
 |
 |
» Comité Olímpico Internacional
|
 |