                |
 |
Por que facemos Galicia Olímpica?
Os deportistas son a máxima representación do esforzo dun pobo. Na era da globalización, calquera éxito no campo deportivo convértese no símbolo dunha comunidade. O mundo, ou ese mundo que forman 3.000 millóns de espectadores estará pendente de Atenas a través da televisión e da rede.
Ademais, a promoción dos espectáculos deportivos de masas incide notoriamente no aumento da súa práctica entre os máis novos. Precisamente neste 2004 conmemórase o Ano Europeo da Educación a través do Deporte.
Ao longo da historia, dende os Xogos de Antuerpe en 1920, os galegos conseguiron sete medallas, cinco pratas e dous bronces. Quizais as pistas gregas, ou o lago de Squinias, vexan o primeiro ouro para o noso país. Ou quizais a primeira medalla para unha galega. Ou talvez se consiga o primeiro metal nas probas individuais.
Por iso, para darlles ánimo, para compensar o seu esforzo co noso apoio e co noso coñecemento, dende Vieiros creamos Galicia Olímpica. Agora só queda contar con que os deuses do Olimpo (ou quen for), lles sexan favorábeis.
Esta web foi realizada coa colaboración da Secretaría Xeral para a Relación cos Medios Informativos.
|
 |
|
|